A andadura no mundo da columbofilia de Juan Francisco Guillán Álvarez (“Paco” para os amigos) comeza aló polo 2011, cando se achegou a ver o tinglado que os compañeiros do C. C. Pombas do Salnés tiñan montado en Vilanova de Arousa, para a celebración da XLIV (44ª que se di pronto) Exposición Galega da Pomba Mensaxeira.

 


 

A primeira vista podería parecer un máis do afeccionados ós animais de compaña con plumas que se achegou aqueles días a ver as pombas chegadas dende as 4 esquinas de Galicia... Pero Paco e Mario (que así se chama o seu cativo, hoxe todo un chavalote, que o acompañaba ese día e moitos dos que viñeron despois) non eran do montón. Viñan especificamente a coñecer un pouco máis esta tolemia das pombas de carreiras, e co tempo acabaron por demostrar que levaban a columbofilia moi dentro... tanto nas carreiras de pombas, como nos concursos de estándar.

Ese foi o caso do acontecido esta tempada, 7 anos despois, na LII Exposición Galega. Alí estaba unha pombiña de Paco, a femia rodada 17-128703, primeira clasificada de Galicia no Grupo “B-Femias Adultas de Beleza”. Esta mesma deportista, de nome “Navia” (a deusa galaica dos ríos e da auga), xa viña de amosar as súas capacidades no campionato provincial de Velocidade.

 

 

O curioso da historia é que, lonxe do que adoita acontecer coas nosas pombas a nivel nacional nas Exposicións, esta pequena deportista empeñouse en acadar o 1º posto tamén a nivel nacional, curiosa a coincidencia de números, na XLIV “Exposición Nacional de la Paloma Mensajera” organizada pola RFCE en Hondarribia, a primeiros de xaneiro do 2019.

 

 

O caso de Paco e Mario deberían ser un referente para todos nós, de como o esforzo, o tesón e o desfrute deste deporte, acaban por poñernos naquel lugar tan ansiado nas táboas das clasificacións.

 

 

 

Noraboa rapaces! É e será sempre un pracer ter a adversarios coma vós.