Estimados compañeiros;

 

Logo destes meses negros que tivemos que vivir, semella que pouco a pouco se van relaxando as medidas que nos impedían, como Federación deportiva, organizarnos.

 

Fai un par de días, dende a secretaría da FCG remitíase a proposta de calendario que se sacaba adiante conxuntamente por Comité Deportivo e Comisión Delegada. Consta dunha serie de soltas en progreso ata Zaragoza e, como podedes observar, todas se van a realizar en principio en modalidade de adestramento.

 

Os motivos para non tentar chegar máis lonxe e non organizar campionatos son tres. Fundamentalmente as incertidumes que aínda sobrevoan todo o que ten que ver con liberdade de movemento, permisos e guías sanitarias de cara outras comunidades que nalgún caso se atopan en fases menos adiantadas que a nosa. En segundo lugar o avanzado do ano e a proximidade do verán e as datas de maior temperatura. E por último, no relativo á modalidade de adestramentos, por máis que dispoñamos de protocolos e indicacións sanitarias, o feito de non ter que realizar as comprobacións previas e posteriores a un concurso é o mellor xeito de realizar un enceste asegurando o menor número posible de interaccións entre columbófilos, ou entre estes e o material auxiliar que empregamos (ordenadores, impresoras, unidades de enceste, cestas, comprobación dos aneis das pombas... etc.). Do mesmo xeito, o non poder asegurar ó 100% que poderemos soltar as pombas dende os lugares contemplados no calendario, tendo que cancelalo en calquera momento.

 

A idea principal, o motivo para seguir coa teima de voar, é non deixar ás nosas atletas paradas durante un ano, especialmente ós yearlings, para os que pode supoñer un atraso non viaxar o primeiro ano de vida.

 

Pode que, por sorte, a nosa comunidade teña sido das menos castigadas pola COVID-19. Pode que pareza que xa todo rematou e que non hai perigo algún. Pero desgraciadamente esa idea está moi lonxe de ser certa. Un descoido, unha relaxación extrema, e en calquera dos nosos clubs podemos sufrir unha traxedia e pagar un prezo que eu persoalmente non estou disposto a pagar por voar mes e medio.

 

Sei ben que somos un grupo de xente altamente competitiva, e que a nosa Federación está entre as punteiras nese eido en todo o pais, pero han de sobrarnos campañas para desfrutar das clasificacións. Agora toca aportar un pouco de sacrificio por un ben maior, e tamén unha chisca de sentido común, nunha sociedade e tempos cheos de contrastes e extremos.

 

Dende o inicio do Estado de Alarma, téñovos desexado moita sorte e saúde. Agardo que teña sido así, e que máis cedo que tarde podamos retomar a tan desexada normalidade.

 

Unha forte aperta.

 

Carlos Padín Cores – Presidente da Federación Galega de Columbofilia.